05/12/2023
A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, lamenta que o BNG salga a protestar polo Nadal de Poio xusto despois dunha “inauguración histórica” este sábado, na que se superaron todas as expectativas.
“O que lle molesta é que os veciños xa están recoñecendo que é o mellor Nadal que recordan ata o momento en Poio, e isto só está comezando”, sinala.
Nesta liña, pide que fagan memoria “do Nadal que organizaban a destempo e, incluso, con tristeza, xa que nalgún ano era 30 de decembro e continuaban colocando arcos de luces, e mesmo daban por amortizadas as festas sen ningún tipo de programación nin contido.
É máis, os veciños de Poio tiñamos que desprazarnos a outros concellos para vivir e g***r de contido durante estas festas”. E engade, “quen sacou das parroquias as cabalgatas dos reis magos? Foi a primeira decisión que eles tomaron hai 28 anos e que nós recuperamos e ampliamos este ano”.
Así, pon en valor que este ano o Nadal de Poio ofrece contido, creando Aldeas de Nadal nos lugares máis emblemáticos de todas as parroquias para que durante estas festas se convertan en puntos de reencontro para as familias.
Por iso, volve a agradecer a implicación de máis de corenta colectivos e dos centros escolares do municipio na programación e na decoración do Nadal nas sete aldeas de Nadal. Ademais, lamenta as críticas que os nacionalistas fixeron a través das redes sociais nas que falan de aldeas “cutres”, “non sabemos si referíndose ao traballo dos carpinteiros e xardineiros locais ou ás decoracións que fixeron os escolares”.
Por último, Natalia Sabarís lembra que hai un ano, a información de Nadal non se tratou nunha comisión informativa ata o 16 de decembro, “e foi de pasada”.