18/02/2018
Falan do documental no Faro de Vigo. Graciñas!
Xa podedes pedir o dvd💿 na rede enviándonos unha mensaxe :)
"Borneira Audiovisual e A Cepa editan un DVD adicado aos mariñeiros que levaron a música tradicional a bordo dos barcos
Están por escribir e por contar
as historias dos gaiteiros que tiveron
un destacado lugar como animadores
culturais en Galiza. Eles
abriron tabernas e organizaron festas
a cada pouco. Seráns e divertimentos
que facían a vida máis divertida.
Aí está o Choqueiro de Cangas,
o Sr. Pazó, ou os Airiños do Castelo
tocando na taberna do Xaulera
ou o Sr. José Armando festa e organizando
cantos de reis en Aldán.
No mundo da gaita os novos
aprendían dos vellos Mestres, dos
grupo que viñan amenizar as festas
e romarías da contorna. Traían
novidades que os gaiteiros do Morrazo
ían incorporando ao seu facer.
Era así como os coñecementos
viaxaban polas festas e romarías e
chegaban aos aprendices que, a base
de repetir o que miraran e oíran,
ían perfeccionando os seus saberes.
Dos coros folclóricos do mestre
Tenreiro e da man de sociedades
artísticas o gaiteiro empeza a coller
protagonismo dignificado polas
poesías de Rosalía de Castro co seu
repoludo gaiteiro e o gaiteiro de
Penalta de Curros Enríquez e da
man de homes como don Pefecto
Feijoo co coro Aires da Terra e os
cancioneiros de Casto Sampedro.
Os gaiteiros, ao igual que os xograis
e segreis medievais, trocan os
seus nomes polos lugares onde son
nados: Grupo con sona como os
Campaneiros (de Vilagarcía), os irmáns
Cachafeiro (de Soutelo), O
Rilo (de Betanzos), Os Morenos (de
Lavadores), os de Ventosela (Xan
Míguez), Os Carballeiras (de Vilariño,
Cambados), Os Campaneiros
(de Vilagarcía), Xosé O Ghaiteiriño
(do Piñeiro) e tantos outros que trocaron
os seus apelidos familiares
polos seus lugares de orixe. No andar
dos anos coñeceremos polos
seus nomes, so aos gaiteiros de
máis renome: Avelino Cachafeiro,
Nazario (O Moxenas) , Enrique Otero,
Ricardo Portela, Xosé Chamiceira,
Paco Rin Ran, Manolo Solla, …
O mundo da gaita rexorde con
forza no século pasado e as súas
pezas foron recollidas e recuperadas
polo grupos como Milladoiro,
Berrogüetto, Treixadura… e polos
gaiteiros como Carlos Núñez, Susana
Seivane, Cristina Pato… nos seus
discos. Sagas familiares coma os
grandes Airiños do Castelo, Erundino
González Pazó (O Felecho) ou
Xesús (O Carballeira), os Trinta de
Coiro, mestres de novos mestres da
música tradicional coma Xosé Gutiérrez
(Chamiceira) ou Xosé Fernández
Canosa (O Ghaiteiriño),
Manolo Sotelo, Anxo Gago (Lito)...
Pero houbo algúns gaiteiros que
foron Máis Alá, (Manuel Antonio
poeta do mar) e levaron canda eles
a gaita e o bombo ás mareas alá onde
lles tocase traballar. “Que pouco
se ten falado dos Gaiteiros do
mar…”, di o tamboril dos alcriques,
O Peix de Aldán, Pepe Choula o da
barba vizosa.
Como cando no fin de ano do
1974, O Peix paseaba polas Palmas
de Gran Canaria, camiño do pesqueiro
“Mar Maior” no que traballaba.
Escoita o son dunha gaita nun
barco atracado no peirao. Botou a
correr como unha chispa. “Sentir
ese son, tan lonxe da terra e naquel
tempo, é algo moi difícil de explicar”,
conta. A gaita soaba no “Mazúa
III”, pero con gaiteiro do Morrazo a
bordo, Manolo de Donón. Axiña Pepe
O Peix apañou dous paus e nunha
lata de alcriques comezou a
acompañalo na percusión. “Ao pouco
as tripulacións dos dous barcos
andaban en marcha triunfal para
encher de alegría o corazón das
Palmas”, rememora.
“Sempre me gustou a gaita. Leveina
sempre comigo –Fala Manoliño
de Donón– Traes a gaita, Sotelo?,
díxolle o capitán. –Home claro.
Sen gaita o barco non sae ao mar”,
respondeu. E alá andaron xuntos
polos mares do Brasil, Uruguai, Canadá,
Namibia,…
Axiña Manoliño en Donón principiou
a recibir a visita doutro
aprendiz de gaiteiro, Lito “O Trisco”,
veciño no outro lado do monte, no
lugar de Pinténs. Principiaron xuntos
e xuntos acariñaron un soño:
tocar polos barrios do Hío no tempo
do Carnaval. Pero houberon de
embarcar ás presas sen tempo para
poñerlle nome ao grupo. Anxo
Gago “Lito” levou canda si a Terra
Nova o bombo mercado e nos tempos
de descanso no barco foino decorando
coas letras arredor: Os Airiños
da Nosa Terra.
O amor de Anxo Gago, de Manolo
Sotelo e doutros gaiteiros pola
música tradicional era tan forte que
sempre levaban as gaitas ao mar e
facían foliadas a bordo, cando o traballo
o permitía. Lito lembra como
nas embarcacións que ían a marear
ao Gran Sol había un gaiteiro
que levaba a música tradicional de
Galicia polo mar adiante e a través
dos continentes e océanos.
O propio Lito fixo soar a gaita en
terras tan lonxanas como Groenlandia
ou Terranova os sons seculares
das terras galegas, acompañado
polo seu curmán José Gago ao
tamboril. En Saint Pierre, illa principal
do arquipélago francés no
Atlántico norte a poucos quilómetros
da canadense Terra Nova, chegaron
a contratalos para actuar
nunha discoteca e ateigaron o local.
Non en van dende os anos 50
que barcos galegos, como o “Rande”
ou “A Rodeira”, converteron
Saint Pierre no seu refuxio durante
os cinco meses que duraban as
mareas do bacallau.Nos anos 70
pasaban por alí 5.000 homes, onde
a maioría (80 %) eran galegos. Partidas
de tute, música e lingua galega,
con acentos de todas as rías,
mesturado con algo de francés.
Xuntamos as gaitas de Manoliño
de Donón e máis a de Lito de
Pinténs. Xuntos tiñan que ter tocado
xuntos e dar a coñecer ao mundo
a habelencia suprema dos gaiteiros
do mar.
E temos que imaxinalos xuntos
nos palcos das parroquias e dicirlles
ben alto: Viva Donón, Viva
Pinténs e Vivan os nosos Gaiteiros
do Mar. Por Sempre.
*Secretario de A Cepa e directores
de “Os Gaiteiros do Mar”"